10 - Preguntas frecuentes
Necesito unha conta para usar o escritorio?
Para crear e organizar o teu escritorio, si: tes que acceder co teu usuario e contrasinal de recursoseducativos.net. Para ver un escritorio a través da ligazón compartida non fai falta conta.
Podo ter máis dun escritorio?
Non, cada usuario ten un único escritorio. Para separar contidos, por exemplo por cursos ou por áreas, usa cartafoles.
O alumnado pode cambiar ou borrar algo do meu escritorio?
Non. Coa ligazón compartida só se poden abrir as aplicacións, ligazóns, imaxes e cartafoles. Non se pode engadir, mover, cambiar nin borrar nada, nin ver a papeleira nin a configuración.
Teño que volver compartir a ligazón cada vez que cambio algo?
Non. A ligazón é sempre a mesma e os cambios vense ao momento ao abrila ou ao recargar a páxina.
Esquecín o PIN. Que fago?
Entra no teu escritorio co teu usuario, que non pide PIN, preme o botón «PIN activado» e escribe un novo PIN. O anterior deixa de funcionar ao momento.
O alumnado escribiu mal o PIN varias veces e agora non o deixa entrar.
Por seguridade, despois de 8 intentos incorrectos seguidos hai que agardar 2 minutos antes de volver probar.
O alumnado ten que escribir o PIN cada vez que abre o escritorio?
Non. Unha vez escrito correctamente, non se volve pedir mentres non se peche o navegador.
Abrín a miña ligazón para o alumnado e vexo o meu escritorio para editalo. É normal?
Si. Como tes a sesión iniciada co teu usuario, ves o teu escritorio para editalo, cun aviso que o indica. Para velo coma o alumnado, preme «Ver coma o alumnado».
Podo ver o escritorio doutro docente?
Si, se che pasa a súa ligazón. Verás o seu escritorio só para mirar e abrir o que ten, sen poder cambiar nada. Se ten PIN, tamén cho pedirá.
As iconas aparecen noutro sitio cando abro o escritorio noutro ordenador.
Cada icona garda o seu sitio, pero se a pantalla é máis pequena ca na que o organizaches, as iconas que non caben colócanse no primeiro oco libre. Ao poñer o escritorio a pantalla completa, adoitan caber todas no seu sitio.
Por que unha ligazón aparece cunha icona de globo terráqueo?
O escritorio usa a icona propia de cada web. Se non a atopa, pon un globo terráqueo. Podes cambiala por outra con «Cambiar icona e texto».
Podo poñer unha imaxe miña como icona?
Non. Podes escoller entre as iconas dispoñibles na ventá «Cambiar icona e texto». Se queres que se vexa unha imaxe túa, engádea como «Imaxe»: a súa icona será unha miniatura da propia imaxe.
Tirei un cartafol á papeleira. Perdín o que tiña dentro?
Non. O cartafol vai á papeleira con todo o seu contido. Se o recuperas, volve con todo. Só se perde se o borras para sempre ou baleiras a papeleira.
Borrei algo para sempre. Pódese recuperar?
Non. O que se borra para sempre ou se elimina ao baleirar a papeleira non se pode recuperar. Por iso, antes de facelo, pídese confirmación.
Hai un límite de elementos no escritorio?
Non hai un límite fixo, pero se tes moitos elementos é mellor organizalos en cartafoles. Así o escritorio vese máis claro e as iconas caben ben na pantalla.
Que tamaño poden ter as imaxes que subo?
Podes subir imaxes JPG, PNG, GIF ou WebP. Se son moi grandes, redúcense automaticamente para que carguen rápido, sen que se note na pantalla.
Funciona no iPad, na tableta ou no móbil?
Si. O escritorio funciona en calquera navegador actual, co rato ou co dedo. No iPad e nalgúns móbiles, a pantalla completa ocupa toda a ventá do navegador en vez de toda a pantalla.
A quen pregunto se teño un problema ou unha suxestión?
Podes escribir no centro de soporte e axuda de recursoseducativos.net ou no grupo público de Telegram.


