inicioacceso usuarios/asGALCAST
.
inicioacceso usuarios/asGALCAST
← Volver a Xerador de códigos QR | Manuais de axuda

1 - Como funciona o xerador de códigos QR?

Escribe ou pega unha ligazón ou un texto e o código QR aparece ao momento á dereita. Cada cambio que fas vese axiña na vista previa.

1. Tipo de contido
Estes botóns poñen na caixa de texto un modelo para empezar:

  • Ligazón: escribe https://. Só tes que completar o enderezo da páxina.
  • Texto: baleira a caixa para que escribas o texto que queiras (unha mensaxe, unha pregunta, unha pista…).
  • Correo: escribe mailto:. Engade detrás o enderezo de correo. Ao ler o código, o móbil abre un correo novo para ese enderezo.
  • Wi-Fi: escribe un modelo coa rede e o contrasinal. Cambia nome-da-rede e contrasinal polos da túa rede. Quen lea o código conéctase á wifi sen ter que escribir nada.

2. Ligazón ou texto
É o que vai gardar o código. Debaixo verás cantos caracteres levas. Se pasas de 300, o contador ponse en vermello e avísate: o código terá moitos cadros e custaralles máis lelo aos móbiles. Canto máis curto sexa o texto, mellor se le.

3. Corrección de erros
É a parte do código que se pode estragar e que aínda se poida ler: Baixa (7 %), Media (15 %), Alta (25 %) ou A mellor (30 %). Canta máis corrección, máis se le aínda que o papel estea manchado, enrugado ou dobrado, pero o código ten máis cadros. Para uso normal chega con Media. Se o código vai estar nunha parede, nun caderno do alumnado ou ao aire libre, escolle Alta ou A mellor.

4. Tamaño
Co control deslizante escolles cantos píxeles mide cada cadriño do código (de 1 a 20). Á dereita do control ves o valor, e debaixo da vista previa o tamaño final da imaxe en píxeles. Se o vas imprimir grande ou poñer nunha presentación, súbeo.

5. Cor do código
Preme unha das cores propostas. O último cadro abre o selector para escoller calquera outra cor. Usa sempre unha cor escura.

6. Fondo
Preme o cadro para cambiar a cor do fondo. Mellor que sexa clara. Se hai pouca diferenza entre a cor do código e a do fondo, ou se o código é máis claro ca o fondo, aparece un aviso amarelo: pode que algúns móbiles non o lean.

7. Imaxe no medio (opcional)
Con Escoller imaxe podes poñer un logo ou unha icona no centro do código (mellor cadrada e con fondo transparente). A imaxe non se sobe ao servidor: compónse no teu navegador. Cando hai imaxe:

  • vese unha miniatura ao lado do botón, que pasa a chamarse Cambiar a imaxe;
  • aparece o botón Quitar para borrala;
  • a corrección de erros ponse sempre en A mellor (30 %) e as outras opcións quedan desactivadas, para que o código se siga lendo aínda que a imaxe tape unha parte.

8. Vista previa
Aquí ves o código tal e como vai quedar, co texto que garda e o tamaño da imaxe en píxeles. Se a caixa de texto está baleira, aparece «Escribe algo para crear o código» e os botóns de abaixo desactívanse. Proba sempre a lelo coa cámara do móbil antes de imprimilo ou compartilo.

Truco: o enderezo da páxina garda o texto, a corrección, o tamaño e a cor. Se o copias e o gardas en favoritos, podes volver ao mesmo código cando queiras. A imaxe do medio e a cor de fondo non se gardan.

9. Descargar, copiar e imprimir

  • PNG: descarga o código como imaxe normal, ideal para documentos, presentacións ou o Aula Virtual.
  • SVG: descarga o código en formato vectorial, que se ve nítido a calquera tamaño. É o mellor para carteis ou impresións grandes.
  • Copiar imaxe: copia o código no portapapeis para pegalo directamente noutro sitio (un documento, un correo, unha diapositiva…). O botón mostra «Copiada» durante uns segundos. Se o teu navegador non permite copiar imaxes, ábrese nunha pestana nova para que a gardes ti.
  • Imprimir: abre unha pestana nova co código grande nunha folla e o texto debaixo. Preme o botón azul Imprimirde enriba.